Gradiant lidera o ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas en España
mércores, 11 de decembro do 2024
O centro tecnolóxico galego Gradiant, xunto a Fujitsu, a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Fidesol, Itecam, QCentroid e Qilimanjaro, confirmou a súa adhesión ao proxecto QUORUM, co obxectivo de crear unha contorna colaborativa para fomentar a innovación no campo cuántico en España e situar o Estado na vangarda das tecnoloxías do futuro.
O Centro Tecnolóxico Gradiant desempeñará un papel crucial na investigación e o desenvolvemento de aplicacións cuánticas, enfocándose na transferencia de coñecemento e na creación de contido formativo accesible para diversos sectores industriais. O centro vigués, de feito, lidera lidera o ecosistema de innovación QUORUM, financiado polo CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación), cuxo obxectivo é “crear unha contorna colaborativa entre as diversas entidades participantes para fomentar a innovación no eido cuántico, desenvolvendo novas solucións tecnolóxicas que poidan aplicarse de maneira práctica en diferentes sectores”.
Este proxecto, segundo explican fontes de Gradiant, “busca xerar coñecemento, transferir tecnoloxía, desenvolver talento, crear empresas innovadoras e identificar casos de uso no ámbito da computación cuántica”.
O consorcio de QUORUM está composto por entidades clave no ámbito da tecnoloxía, a investigación e a innovación, coa finalidade de crear unha contorna colaborativa e multidisciplinar que favoreza o desenvolvemento da computación cuántica en España.
Gradiant engade ademais que este proxecto contribuirá tamén á consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para posicionar á nosa Comunidade como un referente internacional nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.
Entre as principais liñas de traballo de Gradiant no marco de QUORUM destacan a investigación e o desenvolvemento de aplicacións cuánticas, así como a creación de contido formativo accesíbel para diversos sectores industriais. O centro tecnolóxico galego tamén desempeñará un rol principal na posta en marcha dunha estratexia de comunicación que promova os avances e resultados do proxecto a nivel nacional e internacional.
O proxecto QUORUM enmárcase nos Convocatoria Ecosistemas Innovación do CDTI e conta co financiamento dos fondos europeos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.