Gradiant lidera nunha iniciativa europea para incrementar a competitividade das PEME: o proxecto Maven
mércores, 20 de novembro do 2013
O centro Gradiant
infórmanos dun novo proxecto, de amplo alcance, no que están a
traballar os seus investigadores: unha iniciativa directamente
encamiñada a facer máis doado o camiño das nosas pequenas e
medianas empresas, un camiño inzado de dificultades (a
competitividade é grande e as obrigas de estarmos ao día en materia
tecnolóxica e dixital son cada vez maiores). Falamos do proxecto
Maven, unha iniciativa de colaboración impulsada por sete socios
europeos (entre os que se atopa Gradiant) que foi seleccionado pola
Comisión Europea como un dos proxectos financiados dentro do
programa Investigación para o beneficio das PEME, dentro do
Sétimo Programa Marco. Como dixemos, o obxectivo do programa é pór
en marcha investigacións aplicadas ás necesidades das pequenas e
medianas empresas coa intención de que produzan beneficios a curto
prazo.
A meta de Maven é
desenvolver un paquete de ferramentas listas para o mercado,
eficientes e robustas, que permitan a xestión e a verificación da
autenticidade de contidos multimedia. O proxecto comezou oficialmente
o día 1 de outubro de 2013, e estenderase durante dous anos, até o
30 de setembro de 2015. Segundo nos contan fontes de Gradiant, a
iniciativa ten o seu xermolo nunha necesidade ben definida: a
necesidade no mercado de prover á industria de solucións
tecnolóxicas avanzadas, que sexan quen de operar nun rango amplo de
escenarios reais (circuítos pechados de TV, imaxes web, broadcast,
etcétera). Os resultados deste proxecto permitirán ás PEME, corpos
de seguridade, axencias, compañías de seguros e medios de
comunicación (entre outras empresas) xestionar os seus activos
multimedia e verificar a súa integridade e autenticidade. Todo de
forma adaptábel e eficiente, infórmase.
Sobre as actividades
concretas a desenvolver ao abeiro de Maven, dicir que se proxecta xa
dar forma a unha serie de ferramentas para a xestión e a seguridade
dos activos multimedia. Os obxectivos do proxecto centraranse nestes
dous conceptos: buscar e verificar. “Os dous integrados de xeito
coherente”, informan dende Gradiant, onde tamén fan fincapé no
feito de que arestora ningunha ferramenta de mercado soporta este
concepto duplo de buscar e verificar xeito integrado.
O papel do centro galego
no proxecto é de líder do mesmo, e como tal será responsábel da
súa coordinación en termos xerais. Ademais, como membro activo do
equipo de investigación, Gradiant dirixirá o desenvolvemento de
novas e efectivas ferramentas no eido do recoñecemento facial, de
texto e de linguaxe falada en contidos multimedia (eidos nos que ten
salientado e salienta Gradiant a nivel mundial, tal e como demostran
as súas múltiples investigacións nestes ámbitos) e a integración
destas ferramentas xunto a outros módulos no demo funcional do
proxecto.
O consorcio componse de
catro empresas e tres centros de investigación:
· Amped. Empresa
italiana pioneira no desenvolvemento de software para a análise e a
mellora de imaxes e vídeo para aplicacións forenses, de seguridade
e de investigación.
· Playence. Compañía
austríaca que centra a súa actividade na vindeira xeración de
solucións empresariais de procura. Os seus produtos solucionan as
necesidades de acceso á información das empresas, mellorando a
dispoñibilidade dos activos multimedia e reducindo os tempos de
procura.
· Arthaus. Compañía de
servizos tecnolóxico-dixitais de Macedonia, ofrece solucións de
software a medida e de alta calidade para PEME de todo o mundo,
ademais do seu propio paquete de produtos de software.
· Xtream. Empresa
española con ampla presenza en Galicia, que desenvolve e fornece
solucións de software en dixitalización avanzada, catalogación,
xestión, arquivo e distribución (Dixital Signage, Web, IPTV,
DTT) para os mercados institucionais, de seguridade e medios.
· Gradiant. Centro
Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, estruturado como unha
fundación privada sen ánimo de lucro con base en Vigo. O seu
obxectivo é a transferencia de tecnoloxía cara ás empresas e a
industria.
· CNIT: un consorcio sen
arela de lucro que xunta 37 universidades italianas ao redor da
investigación básica e aplicada; máis polo miúdo a través das
súas unidades de investigación da Universidade de Siena e de
Florencia, o CNIT proporciona unha ampla experiencia en canto a
tecnoloxías de seguridade multimedia.
· Universidade de
Cagliari, a través do seu grupo de recoñecemento de patróns e
aplicacións (PRA), cuxa misión é identificar asuntos fundamentais
para o desenvolvemento dos futuros sistemas de recoñecemento de
patróns en contextos reais.