Gradiant aspira a crear a súa quinta spin-off cun proxecto de criptografía financeira avanzada
mércores, 11 de marzo do 2026
O Centro Tecnolóxico Gradiant foi un dos grandes protagonistas do acto de presentación de proxectos de Ignicia (GAIN) do que informamos este martes 10 de marzo. No transcurso da cita o centro vigués compartiu os detalles de varios proxectos, entre os que se atopa Qryption, que supón o quinto Ignicia concedido a Gradiant, e que ten como obxectivo “mellorar a xestión e a protección dos activos criptográficos nas entidades financeiras”.
Durante a xornada déronse a coñecer tamén as dúas últimas spin-offs de Gradiant creadas tamén ao amparo deste programa: Kiur e Dokken, ambas baseadas en intelixencia artificial.
Qryption é unha iniciativa desenvolvida para responder ás crecentes esixencias de seguridade, xestión e escalabilidade do ecosistema financeiro e dos medios de pago dixitais. Jaime Loureiro, responsable de Seguridade Avanzada do Dato en Gradiant, sinalou durante a súa intervención que “esta solución tecnolóxica de criptografía financeira atópase actualmente nun nivel de madurez tecnolóxica TRL 6, o que significa que a tecnoloxía xa foi validada en contornas realistas”.
O obxectivo desta nova fase dentro do Programa Ignicia é impulsar a evolución da tecnoloxía ata alcanzar o TRL 9, completando a súa validación técnica en condicións reais de operación e perfeccionando o seu modelo de negocio con vistas á súa explotación comercial efectiva e á creación dunha empresa baseada nesta innovación.
O proxecto Qryption, que foi seleccionado na quinta edición da convocatoria de Ignicia Proba de Concepto cun investimento de 386.166 euros, permitirá que entidades financeiras e operadores do ecosistema de pagos poidan operar e xestionar de forma segura e automatizada os seus sistemas e activos criptográficos.
Entre as súas principais innovacións diferenciais fronte a tecnoloxías e solucións existentes destacan a xestión integral do ciclo de vida dos activos criptográficos, o inventariado automático dos devanditos activos ou a migración automática de claves entre sistemas criptográficos de distintos provedores.
Gradiant explicou que esta tecnoloxía está dirixida a unha ampla gama de actores dentro da cadea de valor do pago dixital, entre eles entidades financeiras, fintechs con necesidades de procesamento de pagos, redes e operadores de pago, provedores de servizos IT financeiros, así como grandes retallistas que operan redes de pago propias.
Kiur e Dokken
Durante o encontro, Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, interveu para presentar o “universo Gradiant”, destacando as súas cinco spin-offs (catro delas nadas a partir de proxectos Ignicia), así como TRL13, o primeiro fondo europeo impulsado por un centro tecnolóxico español que combina tecnoloxía profunda (deep tech), transferencia tecnolóxica e TIC.
Ademais, na xornada déronse a coñecer tamén as dúas últimas spin-offs de Gradiant creadas tamén ao abeiro deste programa: Kiur e Dokken, ambasbaseadas en intelixencia artificial.
Óscar Pérez, director executivo (CEO) de Kiur, achegou as claves desta aplicación que usa intelixencia artificial para analizar imaxes de feridas crónicas e axudar a escoller cal é o produto máis axeitado para un mellor tratamento. Kiur, proxecto seleccionado polo programa CaixaImpulse da Fundación La Caixa, busca reducir os custos e mellorar os resultados terapéuticos, dotando aos profesionais sanitarios dunha ferramenta de apoio á toma de decisións baseada en intelixencia artificial.
Pola súa banda, Faustino Castro, CEO de Dokken, explicou como esta ferramenta para o procesamento intelixente de documentos empresariais (pedidos, facturas e albarás tipicamente) contribúe a lograr unha optimización de custos provenientes da dedicación de persoal á revisión manual dos devanditos documentos. Dokken permite automatizar o proceso e desbotar posibles erros derivados da revisión humana, ademais de axudar a xestionar mellor os inventarios internos da empresa e preparar automaticamente orzamentos, facturas e albarás.
