Gradiant amosa as posibilidades e vantaxes da súa plataforma de realidade aumentada

luns, 14 de xullo do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant está a dar conta estes días de novos achados dos seus investigadores en materia de realidade aumentada, que é un xeito de incluír máis información cando de primeiras non hai espazo para máis, ao tempo que se contextualiza. Segundo informa Gradiant, a realidade aumentada liquida os problemas da información insuficiente ou fóra de lugar combinando os mundos real e virtual e mellorando a nosa visión do primeiro con información engadida superposta e, tamén, coa entrada en xogo dos novos dispositivos (smartphones, tablets, smart glasses) que contribúen a universalizar e impulsar estas técnicas.
O problema até o de agora era o seguinte: como conseguir escenarios de realidade aumentada doados de acadar e que non impliquen modificacións dos códigos da aplicación nos que se insiren? Aí entra en xogo unha nova plataforma de Gradiant, Mobile AR Platform.
Esta plataforma de realidade aumentada para a creación e visualización de contidos desenvolvida polo centro galego amosa unha serie de vantaxes, e unha das principais é que permite realizar de forma rápida, sinxela e autónoma a creación dos escenarios de ampliación. Ademais, sinala o investigador Adrián Teijeiro, non é precisa a concorrencia de persoal experto para a súa integración e aplicación. “Trátase dunha enorme vantaxe”, sinala, “que permite ignorar os problemas que facían que até agora a realidade aumentada fose un eido acoutado para uns poucos”.
Polo que respecta aos ámbitos de aplicación desta técnica, son moi diversos e numerosos, engade o investigador, que destaca o seu uso na mercadotecnia empresarial (o marketing), mellorando a información que se presenta do produto ou mesmo podendo interactuar co mesmo e optimizar o feedback cara ao provedor ou fabricante.
Tamén pode supor unha revolución no turismo, engade o investigador, que salienta o potencial do seguinte feito: termos ao instante toda a información relacionada cun punto de interese, monumento, ou mesmo unha guía totalmente inmersiva da zona de compras dunha gran cidade. Igualmente a realidade aumentada amosa importantes posibilidades para a aprendizaxe a distancia (elearning), empregado obxectos 3D de elementos reais para facilitar a aprendizaxe.
Xa nun plano máis concreto, Teijeiro lémbranos que a realidade aumentada tamén se está a aproveitar para o ámbito das tatuaxes e o body art. Así, a experiencia TattoMedia é un exemplo disto, e trátase dunha aplicación que parte da ferramenta de autoría de realidade aumentada de Gradiant e que permite aos artistas e aos seus clientes introducir contidos adicionais ás súas tatuaxes a través desta técnica de ampliación do real.

PUBLICIDADE