Gradiant achégalles as TIC aos centros de educación especial de toda Galicia

venres, 6 de maio do 2011 Raquel Noya

Non cabe dúbida de que as novas tecnoloxías son de moita utilidade para toda a sociedade case sen excepción, pero se hai un colectivo ao que lle poden facilitar a vida diaria de maneira excepcional, ese é o de persoas con discapacidade, que atopan nas ferramentas tecnolóxicas a axuda que precisan para se desenvolveren con máis autonomía.
O Centro Tecnolóxico Gradiant sábeo ben, e dende a súa fundación, sempre se comprometeu coa divulgación e coa achega das TIC ás persoas máis necesitadas. Xa que logo, dende hai unhas semanas, esta entidade está a visitar os centros de educación especial que hai en toda Galicia, levándolle as vantaxes das novas tecnoloxías a tódolos seus alumnos e alumnas.
Onte tocoulle o turno ao centro de educación especial A Barcia de Santiago de Compostela, ata onde se desprazaron un total de 11 investigadores de Gradiant e un monitor especializado, para compartir, a través de distintas actividades, as posibilidades e vantaxes que lle ofrecen as TIC.
Todos eles puideron probar de primeira man diferentes xogos comerciais, así como aplicacións libres e aplicacións propias do centro, que segundo informan, “foron desenvolvidas especialmente para a ocasión”.
Tanto os alumnos como os docentes mostraron moito interese en todo o que se lle presentaba, e de feito estes últimos, atoparon moitas aplicacións e tecnoloxías AAL de grande utilidade, tanto para o ensino como para o posible diagnóstico de problemas ou dificultades concretas do seu alumnado.
Por certo, unha parte do alumnado deste centro compostelán presentaba discapacidades físicas, polo que os investigadores, puideron observar de preto as dificultades reais dos diferentes métodos de manexo dos equipos e aplicacións, “convertindo a experiencia nunha aprendizaxe mutua”, confesaron.
Un dos obxectivos destas xornadas que organiza Gradiant en colaboración con iQUBE, é dar a coñecer as posibilidades que lle ofrecen as TIC ás persoas con necesidades especiais para superar os atrancos do seu día a día, así como facer que “perdan o medo e se familiaricen coas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición”.
Este último obxectivo foi superado exitosamente, xa que mesmo os docentes se sorprenderon “do rápido que os seus alumnos se fixeron coas novas interfaces home-máquina que existen no mercado”.

PUBLICIDADE