Google renova a súa Aldea de Papá Noel

mércores, 4 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Dende Google non faltan nunca á cita co Nadal, e hoxe mesmo anuncian novidades para a súa tradicional Aldea de Papá Noel, que mudou de imaxe este ano. Este espazo en liña permite explorar a nova fábrica de xoguetes de Santa, o seu invernadoiro e incluso o ximnasio de renos; permite o acceso a máis de dúas ducias de actividades divertidas e xogos de aprendizaxe incluíndo unha nova capa de neve en 3D para construír unha escena invernal personalizada.
A Aldea de Papá Noel é un xeito divertido de prepararse para a chegada do Nadal, xornada na que facilitará o seguimento de Santa en tempo real, axudando así a manter a expectación ao redor da Noiteboa.
Amais, dende Google lembran que o Nadal está moi presente noutros dos seus servizos, de xeito que podemos descubrir tradicións de Nadal a través de Google Earth, facer un percorrido polos doces de Nadal dos distintos países do mundo, buscar imaxes para contaxiar do espírito do Nadal as nosas mensaxes nesta época e incluso podemos preguntarlle ao Asistente de Google por chistes de Nadal.

Vídeo no que podemos ver a Papá Noel volvendo ao traballo

PUBLICIDADE