Google presenta novas aplicacións para superar as eivas auditivas

luns, 4 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A perda da audición é un problema que afecta a unha boa parte da poboación mundial, pero a tecnoloxía pode xogar un rol moi importante para salvar tal eiva, e para avanzar neste eido Google presentou un par de novas aplicacións para Android: Live Transcribe e Amplificador de son.
Live Transcribe é unha aplicación moi práctica para xente con problemas de audición, para ter unha maior autonomía nas súas interacción diarias facendo uso do micrófono do smartphone para escoitar o que se di ao seu redor en máis de 70 linguas e dialectos, transcribíndoo a texto en tempo real. Amais, está aplicación tamén fai o contrario, ou sexa, que permite que unha persoa poida teclear o que quere dicir para que o smartphone fale por el. Esta nova ferramenta comeza hoxe a súa distribución en probas.

Vídeo de presentación de Live Transcribe

O Amplificador de son é outra ferramenta de grande utilidade, que permite mellorar o son recibido polo micrófono do smartphone para así escoitalo mediante auriculares, conseguindo unha experiencia de escoita mellor. Esta ferramenta facilita manter conversas en lugares con moito ruído potenciando os sons baixos, personaliza a experiencia auditiva axustando o audio ou a configuración do micrófono cunha interface sinxela e reduce os ruídos non desexados ou que poden provocar distraccións.
O programa intégrase en Android 9, de xeito que podemos empregalo dende Configuración -> Accesibilidade -> Amplificador de son.

PUBLICIDADE