Google integra chamadas telefónicas en Hangouts

mércores, 10 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Google anunciou hoxe a actualización da súa aplicación de Hangouts, dando a coñecer o feito de que agora a aplicación para Android, iOS e a web poderá realizar chamadas de voz a outros usuarios de Hangouts de balde, á vez que permitirá realizar chamadas telefónicas de balde en EE.UU. e Canadá e ao resto do mundo a uns prezos bastante competitivos, cunha serie de tarifas que podemos consultar en liña.
Detallan que no caso de iOS e a web as chamadas estarán dispoñibles cando se abra a aplicación, mentres que os usuarios da aplicación para Android deberán instalar unha aplicación complementaria, Hangouts Dialer, que é a que activa a función de chamadas telefónicas en Hangouts.
Realmente non estamos ante un servizo totalmente novo, senón que se trata da integración do vello servizo Google Voice en Hangouts, facendo máis accesible o servizo telefónico que Google emprega dende 2009 grazas á adquisición en 2007 da compañía GrandCentral, especializada no mercado da voz.

PUBLICIDADE