Google incorpora á súa tenda en liña lentes de realidade virtual

martes, 1 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Dado o interese do público pola realidade virtual, tecnoloxía que vai ter un grande pulo ao longo do ano, Google vén de incorporar á súa tenda de dispositivos en liña un apartado destinado a vender accesorios para facilitar tal experiencia valéndose de smarthpones, ou sexa, para poder mercar o popular cartón de Google e algúns produtos que clonan as súas funcionalidades, engadíndolle algún valor adicional, como as novas lentes View-Master de Mattel ou o visor portátil Goggle Tech C1-Glass.
Con esta medida Google busca facilitar a compra deste tipo de produtos, así como darlles visibilidade, de xeito que a xente pode así ser consciente de que os móbiles poden converterse en pantallas estereoscópicas con só contar cunhas lentes que, dividindo a pantalla dun smartphone en dúas partes, poida presentarse cada imaxe a un ollo distinto, conseguindo así unha sensación de profundidade que, de mesturarse cos sensores de posición do móbil facilitarían a recreación de imaxes de 360 graos, o que facilita vivir experiencias limitadas de realidade virtual (moi afastadas de solucións como as Oculus Rift, pero que serven para probar certos usos desta tecnoloxía).
Polo momento a tenda en liña de Google non ten estes produtos dispoñibles para España, pero son relativamente doados de atopar, agás o cartón de Google, que normalmente só se distribúen en eventos patrocinados pola compañía de Mountain View, e de querer mercar algo semellante o que si existen é infinidade de clons que incluso son máis baratos e posiblemente atopemos algúns nos vindeiros meses distribuídos con algunha revista ou incluso en establecementos de hostalaría (espérase que McDonalds comercialice polo momento en Suecia unha edición especial da caixa do seu menú infantil que transformaríase nas lentes de realidade virtual que chaman Happy Goggles).

Vídeo no que explican o concepto das Happy Goggles

PUBLICIDADE