Google fai campaña contra a reforma do copyright en Europa

xoves, 22 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A Google non lle chegou con advertir publicamente que a reforma do copyright na que está a traballar o Parlamento Europeo pode pór en perigo certos dereitos dos cidadáns e prexudicar a negocios e profesionais, senón que decidiu converter esta guerra contra os lexisladores nunha prioridade, chegando a contratar campañas publicitarias para dar a coñecer a súa visión sobre tan espiñento asunto.
Como oposición ao polémico Artigo 13, que propón o establecemento de medidas que bloqueen os contidos que vulneren o copyright antes de poñelos a disposición do público, chegaron a publicar unha sección en YouTube na que advirten de que, de seguir adiante o redactado actual, os europeos non poderiamos acceder a boa parte dos contidos de vídeo que ofrecen, xa que de non estar completamente seguros os seus dereitos de explotación, terían que restrinxir o seu acceso para evitar ter que facer fronte a sancións económicas.
Baixo o cancelo de #SaveYourInternet procuran, como medida de presión aos políticos, informar aos cidadáns de que servizos como YouTube, Facebook ou Instagram terían que bloquear a meirande parte de subidas de contidos na Unión Europea ante a imposibilidade de coñecer con certeza absoluta a propiedade dos seus dereitos de explotación. Expoñendo a situación convidan aos lexisladores a establecer unha colaboración que permita modificar a redacción do texto para facer viables as redes sociais e as plataformas que comparten contidos audiovisuais, para que Europa non se converta nun espazo escuro na Rede na que os contidos que actualmente son os máis populares non poidan verse por mor motivos legais.
O outro artigo polémico do regulamento de copyright, o Artigo 11, tamén está a recibir críticas, porque sería o que forzaría a certas compañías a pagar ao editores de novas cando se lles cite e ligue na web, polo que advirten que, de seguir adiante coa aplicación de tal lexislación procederán do mesmo xeito que en España: en vez de pagar aos medios de comunicación por divulgar os seus contidos e levarlles tráfico, botarán o peche de Google News. Deste xeito o cambio lexislativo carecería de efectos beneficiosos para os medios e, pola contra, suporía un serio freo para o desenvolvemento da Internet.

PUBLICIDADE