Google experimenta cun prototipo de comunicador coma os de Star Trek

luns, 23 de novembro do 2015 Marcus Fernández

JPEG - 121.9 KB
Amit Singhai, vice presidente senior e enxeñeiro de software de Google, usando un prototipo do comunicador Bluetooth co que están a traballar

Unha das series televisivas de ciencia ficción que máis tecnoloxías imaxinou e que podemos ver hoxe en día en acción é, sen dúbida, Star Trek, xa que alí podíanse contemplar trebellos con funcionalidades semellantes á do teléfono móbil, tabletas, sistemas de realidade virtual e ordenadores con recoñecemento de voz, e parece que os investigadores actuais continúan a usar a obra de Gene Roddenberry como fonte de inspiración, se nos fixamos nunha ampla reportaxe da revista Time na que dan conta dun accesorio no que está a traballar Google e que sería semellante aos comunicadores de Star Trek.
O trebello desvelado por Time sería unha pequena chapa que poderiamos levar prendida na roupa e que ao premela funcionaría como un mans libres Bluetooth co que dar instrucións ao noso smartphone para escoitar tamén a súa resposta.
Resulta un tanto curioso este invento, principalmente porque unha resposta falada ás nosas consultas rara vez será o máis axeitado, á vez que tampouco parece moi práctico dicir en voz alta o que queremos buscar en Google ou as ordes que queiramos darlle o móbil, pero cando menos queda claro que hai numerosos proxectos de tecnoloxía wearable, e tecnoloxías como Google Now poden resultar moi prácticas para crear produtos e servizos futuros que poden resultar de grande utilidade de atopar un escenario de aplicación xeitoso.

PUBLICIDADE