Google estrea aplicación de podcasts para Android

martes, 19 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Os podcasts como formato de distribución de audio gañou moita popularidade en grande medida grazas á súa integración en iTunes, ao que despois seguiu unha aplicación de seu en dispositivos móbiles, o que pode explicar en boa medida por que é un tipo de contido de éxito entre usuarios de produtos de Apple, mentres que no caso de móbiles con Android a plataforma que en España conseguiu gañarse ao público foi iVoox, que agora ten un importante competidor, a aplicación para Android de Google Podcasts.
Esta nova aplicación móbil facilita o descubrimento, a subscrición e a reprodución de podcasts, integrando tanto o asistente de Google como recomendacións personalizadas, de xeito que os usuarios de Android teñen agora unha práctica ferramenta para poder gozar do grande catálogo de podcasts dispoñibles, entre os que non faltan os da Radio e algunha outra iniciativa galega como os podcasts de Radio CampUSCulturae e diversas iniciativas independentes.
Google ten previsto continuar a mellorar esta plataforma de reprodución de podcats, achegándoos cada vez a máis dispositivos e permitindo no futuro funcionalidades como a conversión de texto a voz, de xeito que estas publicacións sonoras podería gozar de subtítulos automáticos, o que poderá resultar de grande utilidade para o seu goce por parte de persoas con deficiencias auditivas ou, simplemente, para poder escoitar os contidos en ambientes con moito ruído e mesmo tirando proveito do tradutor de Google.

PUBLICIDADE