Google cancela o seu congreso para desenvolvedores por mor do COVID-19

martes, 3 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A crise provocada polo COVID-19 continúa azoutando á industria tecnolóxica, e tras a cancelación do Mobile World Congress de Barcelona e do congreso para desenvolvedores F8 de Facebook, así como do adiamento da Game Developers Conference, temos agora unha nova cancelación de grandes dimensións: a do Google I/O.
O grande encontro para desenvolvedores de Google previsto para os días 12-14 de maio en Mountain View non terá lugar de xeito presencial, pois a preocupación por mor do coronavirus fixo que decidisen cancelar o evento deste ano, anunciando que explorarán xeitos de achegar aos desenvolvedores as súas últimas novidades este ano.
Cómpre lembrar que eventos como Google I/O non se compoñen só de presentacións, senón tamén de numerosos relatorios e obradoiros, que en moitos casos poden seguirse a través da Rede, polo que boa parte destas actividades poderán manterse sen grande problema, e incluso as presentacións máis importantes poden realizarse a través de streaming, polo que o impacto real da cancelación do Google I/O será principalmente simbólico, por confirmar a importancia que este ano está a darse á crise do coronavirus.
Temos así que os grandes eventos tecnolóxicos até o mes de maio teríanse cancelado, quedando como grande incógnita o que acontecerá cos do mes de xuño, como son a WWDC de Apple a o E3, que continúan á espera de como evolucione a situación global. De feito, dende a organización do E3 polo momento aseguran que continúan a avanzar a toda velocidade para facer que o evento sexa realidade este ano.
Outro evento que está actualmente no punto de mira é o festival South by Southwest (SXSW), dende o que aseguran estar a tomar medidas para unha celebración segura, pero que xa rexistrou cancelacións sumamente importantes (TikTok, Facebook, Intel, Twitter, Vevo...). Dado que o festival terá lugar dentro de pouco máis dunha semana, a súa cancelación de última hora podería ser sumamente problemática.
Precisamente unha das compañías que cancelou a súa participación no SWSW, Twitter, comezou a tomar medidas drásticas contra o COVID-19 o pasado domingo, cando pasaron a recomendar aos seus empregados que traballen dende casa, aínda que nas oficinas en Hong Kong, Xapón e Corea do Sur o teletraballo será obrigatorio.

PUBLICIDADE