Google anuncia a nova xeración de dispositivos da familia Nexus

mércores, 15 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O Nexus 6 será o primeiro smartphone con Android 5

Coa estrea de Android 5 Lollipop chegan tamén novos produtos da familia Nexus da man de distintos fabricantes. Por unha banda confírmase a o Nexus 6, un smartphone con pantalla de 5,96 polgadas cunha resolución de 1.440 x 2.560 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 805 de catro núcleos a 2,7 GHz, gráfica Adreno 420, 32/64 Gb de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, cámara frontal de 2 Mpíxeles, dous altofalantes frontais de grande potencia e batería de 3.220 mAh que promete aguantar 24 horas de uso cunha carga completa e que con só 15 minutos de carga podería aguantar até 6 horas (grazas a un cargador turbo incluído), que vén fabricando por Motorola e, como acontece co Moto X, protexe a súa carcasa cun marco de aluminio. Até finais de mes non se poderá reservar este terminal a través de Google Play e distintos operadores de telefonía móbil, e o seu prezo podería ser de 649 dólares (moi lonxe do que nos ten afeitos a familia Nexus).


Vídeo promocional do Nexus 6
Para usuarios que buscan facer un uso máis produtivo chegará o Nexus 9, un tablet con pantalla IPS de 8,9 polgadas, procesador de 64 bits nVIDIA Tegra K1 a 2,3 GHz, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 1,6 Mpíxeles altofalantes HTC BoomSound, e batería de 6.700 mAh, que busca ser moi transportable e ser capaz de empregarse para usos de produtividade, de aí que incluso vaia contar cunha funda-teclado magnética que incluso permitirá que poidamos colocar o tablet nas pernas como se fose un portátil. Este dispositivo está fabricado por HTC e poderá reservarse a partires do vindeiro venres e coméntase que o seu prezo partiría de 399 dólares e chegarían até os 599 dólares en función da capacidade de almacenamento interna e da súa conectividade móbil (parece que en España quedaría entre os 399 e os 569 euros).


Vídeo promocional do Nexus 9
Pero a grande sorpresa da xornada foi o Nexus Player, un trebello desenvolvido en colaboración con Asus, e que será o buque insignia de Android TV, levando ao salón do fogar películas, música, vídeos e incluso videoxogos, podendo tamén operar como receptor de contidos dende un Chromebook ou teléfonos e tablets con iOS e Android, para levar as súas pantallas ao televisor. Dá así a impresión de que estamos ante a resposta de Google ao Fire TV de Amazon.
O Nexus Player poderá reservarse a partires do venres, e funcionará cun procesador Intel Atom de catro núcleos a 1,8 GHz, contará con conectividade Wi-Fi AC e terá saída HDMI para conectar ao televisor. Aparte do propio reprodutor, inclúe un mando a distancia con micrófono (para buscas por voz) de xeito que o gamepad para este produto será un accesorio opcional (na liña do que tamén fixo Amazon). O prezo do Nexus Player podería ser de 99 dólares, e o gamepad podería venderse por 39 dólares, o que sería practicamente o mesmo rango de prezos que a alternativa da compañía de Jeff Bezos.


Vídeo promocional do Nexus Player

O reprodutor Nexus Player inclúe un mando con micrófono e pode completarse cun gamepad para converter o reprodutor nunha consola de videoxogos baseada en Android
O Nexus 9 contará cunha funda-teclado que facilitará o seu uso para tarefas de produtividade
O Nexus 6 goza dunha pantalla de 5,96 polgadas cunha resolución de 1.440 x 2.560 píxeles

PUBLICIDADE