Google amosa algúns dos avances tecnolóxicos que prepara para este ano

mércores, 19 de maio do 2021 Marcus Fernández

O evento anual para desenvolvedores de Google xa está en marcha, e esta nova edición de Google I/O trae novidades moi diversas, entre as que figuran avances no teletraballo e na teleformación, novos ámbitos de aplicación da intelixencia artificial, melloras na seguridade informática, a vindeira versión de Android, a revolución de Wear OS e un novo proxecto de telepresenza.

Android 12

A chegada da versión de proba de Android 12 está a captar moita atención, xa que supón un dos cambios de interface máis importantes en Android nos últimos anos, mudando a experiencia de uso dende as cores até as formas, a luz e o movemento, buscando así conseguir unha experiencia máis expresiva, dinámica e persoal que nunca, da que poden ter unha primeira impresión os usuarios de dispositivos Pixel.
Android 12 tamén achegará un mellor rendemento, continuará a mellorar o seu sistema de notificacións, será máis transparente no control dos datos persoais e incluso contará con melloras de accesibilidade para persoas con problemas de visión.

Wear

Pero onde si vemos unha completa revolución é nos wearables, xa que, tras anos ignorando este segmento de produtos, finalmente decidiron volver poñelos baixo o foco, para o que pecharon un acordo de colaboración con Samsung, de xeito que Wear OS formará unha plataforma unificada con Tizen, o sistema operativo dos reloxos de Samsung, co que pretenden corrixir as moitas eivas de Wear, o que confían que se traduza nunha mellora de rendemento e autonomía, o que facilitará novas prestacións. Esta plataforma unificada tamén incorporará tecnoloxía de Fitbit, de xeito que a finais de ano poderiamos ter reloxos co sistema operativo de Google que puidesen ter unha boa aceptación comercial, en contraste coa situación actual, na que son ignorados polo público, que prefire trebellos con maior autonomía e, no caso de querer dispositivos avanzados, aposta por Samsung, fabricante que consolidouse como a principal alternativa a Apple no mundo dos smartwatches (e a bastante distancia en nivel de vendas).

Project Starline

Sorprendeu que Google anunciase unha solución de telepresenza que teñen en desenvolvemento, o Project Starline, que pode verse como un paso de xigante de tecnoloxías como Google Meet, aplicando avances en hardware e software para permitir que amigos, familiares e compañeiros de traballo poidan percibir que están cara a cara con persoas en ubicacións remotas a través dunha fiestra máxica que permitiría manter o contacto visual dun xeito natural.
Este proxecto consiste nun espazo que recolle información de imaxe e profundidade, así como son espacial, datos que comprime en tempo real e transmite para que poidan replicarse a distancia, dando a impresión de que realmente temos ao interlocutor enfronte de nós.
Polo momento, esta tecnoloxía está en probas nunhas poucas oficinas de Google, e fai uso de hardware desenvolvido ad hoc, polo que o grande reto que teñen que superar agora é o de facer que este equipamento altamente especializada poida chegar a ser máis accesible. Confían en poder dar máis detalles do proxecto ao longo do presente ano.

Vídeo de presentación do proxecto de telepresenza que prepara Google

Vídeo no que resumen as presentacións do primeiro día do Google I/O

PUBLICIDADE