Google Stadia ábrese a máis smartphones

mércores, 19 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A plataforma de xogos na nube de Google, Stadia, continúa a avanzar nas súas probas, e aparte de xogar no ordenador, en tabletas con Chrome OS e en televisores (valéndose dun Chromecast Ultra), tamén é posible gozar do xogo en liña dende móbiles da familia Pixel, o que limita moito as probas, de aí que a partirs de mañá vaian ampliar a relación de smartphones compatibles con Stadia.
Aparte de funcionar cos móbiles Pixel 2, Pixel 3, Pixel 3a e Pixel 4, mañá está prevista a aplicación do programa de probas de Stadia aos smartphones para gamers Razer Phone, Razer Phone 2, Asus ROG Phone e Asus ROG Phone II, así como nos smartphones de alta gama de Samsung dende o Galaxy S8 até o Galaxy S20 Ultra, ou sexa, que Stadia pasa de funcionar en 4 modelos de móbil a ser compatible cuns 23 modelos, o que non deixa de ser un paso máis cara ao lanzamento oficial de Google Stadia, cando debería chegar a un amplo catálogo de móbiles, e abrir o acceso a Stadia Base, a versión do servizo que non precisará de pagamento mensual para xogar.

PUBLICIDADE