Google Meet non limitará a duración das xuntanzas de balde até o 31 de marzo

mércores, 30 de setembro do 2020 Marcus Fernández

En abril, para atender a alta demanda dos servizos de videoconferencias grupais, Google Meet estreouse como produto persoal de balde, anunciándose que o servizo carecería de límite de tempo das xuntanzas até o 30 de setembro, data tras a que establecerían unha limitación de 60 minutos para os usuarios de balde, xa que entendían que estabamos ante unha situación excepcional, pero agora, en vista de que a situación non remitiu, anuncian que até o 31 de marzo de 2021 poderán realizarse videochamadas de Meet ilimitadas na versión de balde do servizo.
Aproveitan a ocasión para indicar que no servizo existe realmente unha duración máxima das xuntanzas de 24 horas, pero que nunca se acadou na práctica; e tamén lembran que o servizo foi evolucionando de xeito que actualmente permite funcionalidades como transmitir as chamadas ao televisor (mediante Google Cast), permite desenfocar o fondo do vídeo e incluso permite que realicemos concursos de preguntas con até 50 persoas simultáneas en pantalla mentres se leva a puntuación nun encerado dixital colaborativo.

PUBLICIDADE