Google Helpouts botará o peche en abril

venres, 13 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun ano Google presentou os Helpouts, unha solución baseada en videoconferencias como ferramenta formativa, que permitía que fose posible dar clases a distancia valéndose do vídeo, podendo incluso cobrar por iso, e aínda que a idea puidera parecer que tiña un público definido (de feito, hai varias plataformas que comercializan cursos en vídeo con bastante éxito), dende Google dan conta de que pecharán os seus Helpouts o vindeiro 20 de abril.
Parece que esta plataforma, que permitía que a xente dende o seu fogar puidese conectar con expertos en distintas materias para asistir remotamente aos seus cursos ou para recibir consellos sobre como solucionar problemas cotiáns, non conseguiu xerar o interese suficiente como para ser relevante e poder conseguir nun servizo sustentable.
Dende Google recoñecen que dentro de Helpouts houbo casos de éxito, pero consideran que o servizo non conseguiu medrar como para xustificar o seu mantemento.

PUBLICIDADE