Google Duo amplia as videoconferencias en grupo até 12 participantes

venres, 27 de marzo do 2020 Marcus Fernández

En 2016 Google abriu ao público a aplicación de videoconferencia móbil Duo, que un par de anos despois estreou a funcionalidade de videoconferencias en grupo, que permitía conversas de até 8 persoas á vez, e ante a demanda deste tipo de comunicacións durante os tempos de reclusión doméstica decidiron ampliar este número, de xeito que agora será posible congregar até 12 persoas nunha conversa a través da aplicación dispoñible para Android e para iOS.
Cómpre lembrar que aínda que un número moi elevado de participantes nunha conversa de vídeo pode ser complicado de xestionar, outras aplicacións permite volumes de usuarios bastante superiores, de xeito que o FaceTime de Apple admite até 32 usuarios, o Skype de Microsoft acepta até 50 usuarios na versión persoal (e 250 na versión corporativa) e o Hangouts Meet permite até entre 100 e 250 participantes (en función da versión de G Suite que teñamos). Ou sexa, que son moitas as plataformas que permite comunicarnos en grupo, de xeito que xuntanzas relativamente grandes que até o momento realizabamos en persoa poden realizarse en remoto de xeito doado, o que pode resultar de utilidade para o traballo, a docencia ou, simplemente, para manter o contacto entre amigos e familiares.

PUBLICIDADE