God of War: Ragnarök sairá á venda en novembro

mércores, 6 de xullo do 2022 Marcus Fernández

En 2018 a franquía de God of War reinventouse dando lugar a unha nova saga na que Kratos deixaba completamente de lado a mitoloxía grega para somerxerse na mitoloxía nórdica acompañado polo seu fillo Atreus. Este novo enfoque e o aproveitamento das posibilidades da PlayStation 4 conseguiron que o novo God of War se convertese en todo un xogo de referencia, que deixaba con ganas de máis.
No seu momento anunciouse que tería unha secuela, God of War: Ragnarök, que sería o que poría peche a nova saga, e vería a luz en 2022, previsión ante a que había moitas dúbidas, xa que nos últimos meses houbo numerosos adiamentos de lanzamentos (tanto por motivos técnicos como por motivos estratéxicos ante o desabastecemento de consolas de nova xeración nas tendas), pero dende Santa Monica Studio finalmente non trouxeron malas novas, e detallaron que o novo xogo verá a luz o vindeiro 9 de novembro.
Non só anunciaron a data de lanzamento cun novo tráiler de God of War: Ragnarök, senón que tamén explicaron que o título abrirá as súas reservas o vindeiro 15 de xullo en varias edicións diferentes. A edición de lanzamento do xogo incluirá como elementos adicionais unha armadura de neve alzada para Kratos e unha túnica de neve alzada para Atreus, elementos que son meramente cosméticos.
A edición estándar do xogo, pola súa banda, limitarase ao título na súa versión para PS4 ou PS5, de xeito que, se adquirimos a versión de PS4 e logo queremos gozar da versión mellorada en PS5 haberá que adquirir unha actualización que custará preto de 10 euros.
En formato dixital estará dispoñible unha edición Deluxe que incluirá o xogo con numerosos contidos dixitais adicionais, mentres que en formato físico haberá unha impresionante edición para coleccionistas que, aparte dos contidos dixitais da anterior versión, chegará nunha grande caixa que conterá un código de descarga para o xogo completo, unha caixa metálica do xogo (sen disco no seu interior), figuras de 5 centímetros dos xemelgos Vanir, un xogo de dados dos ananos e unha réplica do martelo Mjölnir de 40,6 centímetros.
Os xogadores que queiran ir un paso máis aló tamén poderán facerse cunha edición Jötnar, que sería unha versión para coleccionistas á que engadirían un disco de vinilo de 7 polgadas con música de Bear McCreary, un xogo de pins de falcón, oso e lobo, o anel lendario de Draupnir e o mapa de tea de Yggdrasil.

A edición máis completa do xogo inclúe numerosos extras

Novo tráiler de God of War: Ragnarök

PUBLICIDADE