Goat Simulator rende homenaxe a Dead Island no seu trailer de lanzamento

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Hai tres anos o xogo de zombis Dead Island sorprendía cun orixinal trailer que faría historia no sector, e ante a inminente estrea do xogo Goat Simulator o vindeiro 1 de abril (equivalente ao Día dos Inocentes nos EE.UU.) dende Coffee Stain Studios decidiron promocionar o seu absurdo simulador de cabra cun trailer no que homenaxéase ao vídeo anterior, conseguindo roubar un sorriso a todos os que recoñecesen a escena na que se mesturan cortes reproducidos a cámara lenta cara adiante a cara atrás para confluír nunha única secuencia.
Os usuarios que reserven o xogo por 9,99 dólares poderán facerse con el dende o vindeiro sábado, mentres que o resto de usuarios poderán mercalo a partir do vindeiro martes en Steam, deixando claro que esta broma en forma de xogo vai máis en serio do que era de agardar cando se amosaron as súas primeiras imaxes.
Os desenvolvedores deixan claro que estaremos ante un produto cheo de erros, moi limitado, e no que serán os propios xogadores os que saberán sacarlle proveito coas súas tolerías, pois este título poderá enriquecerse a través de Steam Workshop para crear misións, mapas, modos de xogo e incluso cabras que poder engadir ao xogo, o que moi probablemente se traduza nunha chea de divertidos vídeos de gameplay en YouTube.


Trailer de lanzamento de Goat Simulator no que homenaxean a Dead Island

PUBLICIDADE