GoPro prepara unha cámara envolvente 5,2K

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

Cando queremos gozar de vídeo envolvente a resolución é un reto moi serio, xa que ao permitir que o usuario centre a vista nun elemento moi concreto fai que sexa preciso achegar un alto nivel de detalle para que a experiencia visual sexa boa (especialmente se empregamos cascos de realidade virtual) de aí que as cámaras de 360 graos de Samsung e Nikon empreguen vídeo en resolución 4K para que o usuario teña unha experiencia aceptable, pero dende GoPro non cren que iso sexa dabondo, e teñen previsto lanzar a finais de ano unha solución de seu chamada Fusion, que está a iniciar o seu programa de probas (coa vista posta claramente no verán), e que promete vídeo a 30 cadros por segundo cunha resolución 5,2K, o que supón un salto bastante importante.
A futura solución de GoPro non só quere ser unha ferramenta para crear vídeo envolvente, senón que tamén quere aproveitar a súa elevada resolución para que os usuarios poidan aproveitar unha gravación para poder enmarcala en post-produción, ou sexa, que poida conseguirse un vídeo en alta definición escollendo o encadre da cámara a posteriori, o que ofrece unha grande flexibilidade e, no caso de secuencias de acción, facilita que non se perdan os momentos máis importantes pola falta de anticipación do operador de cámara. Ou sexa, que o uso de cámaras de 360 graos pode supor tamén unha revolución para o vídeo tradicional e tamén para a fotografía.
Para conseguir as imaxes envolventes GoPro integrou nun único dispositivo 6 cámaras GoPro, sen dar detalles sobre a forma na que conseguen tal, de xeito que polo momento temos que conformarnos co vídeo de demostración das posibilidades desta tecnoloxía que espera chegar ao mercado de xeito limitado a finais de ano.

Vídeo de adianto das posibilidades da futura GoPro Fusion

PUBLICIDADE