Ghost Trick: El Detective Fantasma estréase na App Store

xoves, 2 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Hoxe chegou á App Store o xogo Ghost Trick: El Detective Fantasma, título que xa acadou un grande éxito na Nintendo DS pola súa orixinalidade, que agora adáptase ás pantallas do iPhone/iPod Touch e o iPad coma un título de balde no que se inclúen 2 misións, tendo que adquirir os capítulos sucesivos para poder avanzar na historia dun detective que ten que descubrir o misterio que rodea a súa propia morte a través dos poderes que ten en forma de pantasma.
Cada nivel ambiéntase nunha morte que poderemos ver, para retroceder logo 4 minutos no tempo, manipulando obxectos para evitar os asasinatos e así avanzar no camiño da verdade do que provocou a morte do protagonista. Un curioso xeito de mesturar unha historia de misterio cunha mecánica que poderiamos considerar inspirada no clásico The Incredible Machine.
O xogo, que pese ao seu vídeo de introdución en inglés inclúe textos en español, permite a compra dos capítulos 3 ao 7 e 8 ao 13 por 3,99 euros cada lote, aínda que tamén é posible adquirilos todos por 7,99 euros, o que vén a ser moito menos do prezo que tivo o xogo na súa versión para a portátil de Nintendo. É de agardar que esta política de prezos sexa todo un acerto, posto que anima a moitos usuarios a dar unha oportunidade a un título moi ben considerado pola crítica, para quedar enganchado ao mesmo e verse forzado a pasar por caixa para seguir gozando da aventura.


Avance en vídeo da xogabilidade de Ghost Trick no iPad

PUBLICIDADE