Gears of War supera os 2 millóns de copias vendidas

luns, 18 de decembro do 2006 Marcus Fernández

O xogo Gears of War non só ten un dos mellores anuncios televisivos da historia (segundo moitos afeccionados ós videoxogos) e é un dos xogos máis premiados nos últimos meses, senón que tamén está a acadar un impresionante éxito de vendas que, aínda que non o fan superar a marca de Halo 2, o coloca nunha posición de honra no mercado.
Tras superar o primeiro millón de copias, o xogo de moda para Xbox 360 só tivo que agardar 24 días para facerse co segundo millón, polo que se converte no videoxogo de nova xeración coas vendas máis rápidas. Queda claro así que Gears of War é un xogo imprescindible para os usuarios da última consola de Microsoft, que podería darlle certo pulo a tal plataforma de xogo, xa que os videoxogos atractivos normalmente son os que melloran as vendas das consolas (como aconteceu co Tetris e a Gameboy ou con Nintendogs e Brain Training con respecto á Nintendo DS).
Ademais, os usuarios do Xbox Live Marketplace poderán recibir en breve contidos de balde para o xogo, o que podería incrementar (se é posible) o seu atractivo.

PUBLICIDADE