Gears of War 3 terá soporte 3D

mércores, 17 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Pese a que temos a tendencia a asociar as 3D nas consolas de videoxogos con Sony, o certo é que a Xbox 360 tamén é capaz de producir imaxes estereoscópicas, só que non é unha funcionalidade pola que Microsoft estea a apostar (en boa medida porque non vende televisores 3D) e xogos como Crysis 2 e Call of Duty: Black Ops xa podían tirar proveito deste tecnoloxía, como tamén fará finalmente Gears of War 3, segundo confirmou Rod Fergusson, director executivo do xogo, quen asegurou estar satisfeito co resultado acadado pese a que nun principio non tiñan pensado integrar as 3D.
Como para crear unha imaxe estereoscópica hai que producir 2 imaxes distintas (unha para cada ollo) hai limitacións técnicas para conseguir que o xogo teña a mesma calidade que en 2D, polo que o xogo pasará de correr a 720p a facelo a pouco máis de 500 liñas, o que non é unha caída moi importante de resolución.
Gears of War 3 chegará en exclusiva á Xbox 360 o vindeiro 20 de setembro, sendo un dos xogos máis agardados para esta plataforma no último ano (pois o seu lanzamento esperábase para medio ano antes).

Gears of War 3 porá punto final á triloxía de Marcus Fénix

PUBLICIDADE