GeForce Now chega a Xbox a través do navegador web

luns, 25 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O servizo de xogos en streaming de nVIDA, GeForce Now, anunciou nos últimos días un importante salto de calidade ao permitir contratar a posibilidade de aproveitar a potencia de gráficas GeForce Now RTX 3080 para conseguir xogos a 1.440p a 120 imaxes por segundo en PC ou Mac, mentres que nun dispositivo nVIDIA SHIELD TV pode correr até a 4K con HDR a 60 imaxes por segundo, en ambos casos cunha reducida latencia que se aproxima á experiencia de xogo en local.
Pero para moitos a grande sorpresa non foi esa, senón a posibilidade de poder correr GeForce Now dentro do navegador Microsoft Edge de Xbox, ou sexa, que os usuarios dunha consolas de Microsoft poderán agora gozar na súa máquina de máis dun milleiro de xogos de PC grazas ao xogo na nube. Un dos detalles máis interesantes desta opción é que que o navegador Edge tamén ten soporte de rato e teclado, polo que incluso sería posible gozar de xogos que non están adaptados ao seu uso con mando.
Lembremos que GeForce Now é un servizo de subscrición, aínda que na súa versión de balde é posible empregalo con certas limitacións (con gráficos cunha calidade limitada e sesións de xogo de até unha hora de máximo).
Cómpre lembrar que Xbox Cloud Gaming ten previsto ofrecer tamén xogos completos de PC a consolas Xbox no futuro, opción que tamén pode resultar atractiva, especialmente polo feito de que inclúe xogos, mentres que con GeForce Now os xogos hai que adquirilos aparte.

PUBLICIDADE