GeForce NOW sae de beta e leva o xogo na nube a ordenadores e móbiles

mércores, 5 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

As plataformas de xogo na nube continúan a tomar posicións, e agora que Google Stadia comeza a madurar, un servizo máis veterano abandona as probas e ábrese ao público xeral. Falamos de GeForce NOW, que elimina as listaxes de agarda e permite que poidamos xogar cunha grande potencia gráfica dende ordenadores PC e Mac, dispositivos SHIELD ou móbiles con Android valéndose dos servidores de nVIDIA.
Deste xeito podemos gozar de grandes xogos sen ter equipos recentes con potentes tarxetas gráficas, xa que o procesamento dos xogos realízase na nube, o que actualmente no só permite xogar dende ordenadores vellos, senón tamén dende dispositivos móbiles (para o que é recomendable empregar tamén un sistema de control externo, xa que os controis en pantalla tenden a ofrecer unha mala experiencia).
Dende GeForce NOW ofrecen o acceso a máis dun milleiro de xogos de máis de 50 editores, entre os que tamén figuran títulos free-to-play, e podendo correr os títulos a máis de 60 imaxes por segundo, algo que non estaría ao alcance de boa parte dos nosos equipos. Amais, este sistema permite gozar de xogos que tivésemos adquirido anteriormente (permite acceder á nosa colección de xogos de Steam) e, do mesmo xeito a como fará Stadia cando saia da súa beta, GeForce NOW permítenos acceder de balde ao servizo para unhas prestacións básicas (a súa principal limitación é que as sesións de xogo non poden superar 1 hora de duración), mentres que os usuarios máis esixentes e intensivos poden facerse coa subscrición Fundadores, que por 5,49 euros/mes (durante 12 meses) permite acceso prioritario aos servidores, duración prolongada da sesión e teñen activado o RTX (ou sexa, que tira proveito do ray tracing non xogos compatibles). Amais, a versión de pagamento pode probarse durante 90 días.

GeForce NOW ten un completo catálogo de xogos dispoñibles, en contraste coa limitación de catálogo inicial de Stadia

PUBLICIDADE