Gato Studio enriquece The Waylanders cunha pormenorizada recreación da Compostela medieval

mércores, 20 de xaneiro do 2021 S. P.

Gato Studio, con sede na Coruña, vén de compartir importantes novidades relativas a The Waylanders, con toda probabilidade o seu videoxogo máis ambicioso e innovador. As novidades, que se poden ver resumidas en dous audiovisuais achegados ao Youtube en galego e en castelán (a xeito de avances do que van poder atopar os seareiros no xogo), teñen relación directa cos esforzos despregados polo estudio para ofrecer unha recreación o máis fiel posíbel do que debeu ser a cidade onde se ambienta a aventura gráfica: a Compostela do medievo.
Estes esforzos de Gato Studio percíbense na abraiante calidade dos escenarios e dos grandes tesouros patrimoniais da dita cidade, como por exemplo Catedral románica ou as murallas que pechaban daquela o núcleo urbano orixinal.
“Con estes aportes”, sinalan, “quixemos pór en valor a nosa cultura e o noso patrimonio, demostrando que unha historia fantástica non está rifada con interese internacional que ten Galicia en xeral, e Santiago en particular”.
Entre todas as edificacións que presenta o videoxogo destaca sen dúbida a Catedral románica, que amosa o seu impoñente deseño tanto exterior como interior, con detalles recoñecíbeis como o Pórtico da Gloria, unha fiel recreación do botafumeiro e referencias ós deseños do Mestre Mateo para a súa construción.
Porén, o tempo compostelán por excelencia na súa feitura orixinal non é o único elemento reconstruído ao detalle. Este interese por achegarnos unha xanela á Compostela do medievo tamén se reflicte nos esforzos por reproducir os campos de cultivo con produtos da época, a zona de xustas, a prisión ou a taberna.
Como lembraremos, The Waylanders é un RPG (siglas de Role-Playing Game), un xogo de rol ambientado en Galicia e inspirado polos mitos e lendas celtas, especialmente no Libro das Invasións, unha das obras de referencia deste ámbito temático de investigación. Dende Gato Studio lembran que a súa nova proposta gráfica inclúe viaxes no tempo entre a época celta e medieval e combina aspectos reais (como localizacións e obras arquitectónicas) cunha épica historia de fantasía na que hai cabida para a maxia e personaxes e razas extraídas da cultura celta galega e irlandesa.
Ademais de todos os monumentos devanditos, tamén aparecen outros tan coñecidos como a torre da mítica Brigantia, baseada na Torre de Hércules, o Ézaro ou os recoñecíbeis castros celtas. Tamén hai cabida para lugares de fóra de Galicia como As Médulas.
The Waylanders saíu á venta en xuño de 2020 en acceso anticipado, unha opción que permite engadir contido de maneira progresiva antes do lanzamento final, e mellorando aspectos do xogo grazas ás contribucións da comunidade de xogadores.
Este anticipo de Compostela estará dispoñíbel para os xogadores no seu lanzamento final, que será en primavera de 2021.
The Waylanders achegarase en galego, español e outros 5 idiomas.
Previo a este lanzamento final, o 25 de xaneiro, o xogo galego será obxecto dunha actualización de balde que engadirá 6 novos idiomas que permitirán, en palabras de Gato Studio, “levar as lendas celtas de Galicia ao resto do mundo”.
Ademais das traducións en inglés, ruso, chino, francés e alemán, o xogo estará en galego e español.
Os estudios da Coruña subliñan tamén a súa intención de “demostrar que Galicia, o seu patrimonio e as súas paisaxes, son interesantes para os xogadores de todas as partes do mundo”, e que é posíbel “poñer en valor a nosa cultura sen renunciar a contar unha absorbente historia de fantasía”.

PUBLICIDADE