Gas Natural Fenosa afianza nas redes o seu compromiso co cinema

xoves, 4 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Gas Natural Fenosa está a presentar estes días a súa nova aposta polas redes sociais, unha aposta firme e que, en contra do que se pode pensar nun primeiro intre (ao tratarse dunha empresa enerxética), céntrase sobre todo na promoción cultural e no apoio á mesma. Máis polo miúdo no cinema e nas diferentes actividades de exhibición audiovisual (uns ámbitos, un e mailo outro, que a día de hoxe precisan especialmente de apoios, non só pola caída de espectadores senón tamén pola suba do IVE). Esta mesma semana, Gas Natural Fenosa abriu unha web (cine.gasnaturalfenosa.es) e unha páxina en Facebook nas que ofrece todo tipo de información sobre os festivais de cinema e as salas de proxección nas que está presente a empresa como patrocinadora.
A multinacional, con esta iniciativa, quere contribuír, baixo o lema No cinema coma en casa, á supervivencia do sector e á creación dunha comunidade en liña arredor do mundo do cinema.
Polo que atinxe á devandita web posta en marcha, dicir que a compañía achegará nela as últimas novidades do sector, empregando o sitio na rede social Facebook para complementar a información da web e contribuír aos devanditos obxectivos de crear colectivo común. Tanto nun como noutro espazo en liña, o internauta poderá participar en diferentes promocións, concursos, convites e sorteos. Para comezar, a multinacional enerxética agasalla 2x1 entradas aos usuarios que executen a acción Gústame en Facebook. Os participantes entrarán nun sorte da tarxeta Cinesa 1 ano de cinema de balde. En só dous días, informa Fenosa, a páxina xa foi quen de sumar máis de 1.500 seareiros. Asemade, coincidindo coa celebración do Festival de Donostia e o Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Sitges (dous certames, xunto co de Málaga, no que Gas Natural Fenosa exerce de patrocinador), a empresa realizará accións encamiñadas especialmente á promoción da súa nova canle en liña.

PUBLICIDADE