Garmin renova o seu sistema de GPS para cans

mércores, 3 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O fabricante de navegadores GPS Garmin, tras conseguir converterse nun dos líderes mundiais en reloxos deportivos, continúa a ampliar a súa gama de produtos, e agora quere potenciar o uso da tecnoloxía de localización por satélite con cans, para o que anuncia o DC 50, un novo e mellorado colar con GPS, que resulta ideal para o adestramento de cans soltos polo monte, coa tranquilidade que dá aos seus donos o poder facer un seguimento do animal (e así poder localizalo en caso de que se perda).
Este colar incorpora GPS e GLONASS (conseguindo unha localización máis rápida e precisa), está construído con materiais de alta resistencia para evitar que o propio can os estrague, resisten a auga (ata 10 metros de profundidade) e a súa autonomía pode chegar ás 26 horas con actualizacións cada 5 segundos ou ata 54 horas de actualizarse cada 2 minutos (como medida de seguridade, o colar pasa a este último modo cando lle queda só un 25% de carga, para facilitar a recuperación dun can perdido). Tamén integra un detector de ladridos configurable para poder disparar alertas en certas situacións.
O colar úsase de xeito continuo con sistemas de seguimento como o Astro 320, que permite localizar ata 10 cans á vez, indicando a distancia, dirección e situación (sentado, correndo...) de cada animal. A súa pantalla pode lerse baixo a luz do sol e tamén é posible cargarlle mapas topográficos ou foto-realísticos para facer máis doado o seu uso.


Vídeo de presentación da anterior xeración de GPS para cans de Garmin

PUBLICIDADE