Garmin presenta a súa cámara deportiva de 360 graos

mércores, 24 de maio do 2017 Marcus Fernández

Garmin presentou hoxe a súa nova cámara VIRB 360, un produto que vai na liña doutras cámaras compactas de 360 graos baseadas nun par de obxectivos de ollo de peixe, pero que desta volta aposta polos deportes de aventura e unha boa resolución, de xeito que este novo produto é resistente e captura vídeo até a 5,7K a 30 imaxes por segundo, superando á meirande parte dos seus competidores (aínda que unha vez cosido o vídeo queda nos habituais 4K). Dado que é un produto destinado á aventura, tamén integra estabilización de imaxe para que os vídeos resultantes sexan o máis suaves posibles.
Esta nova cámara deportiva de Garmin permite tirar proveito da tecnoloxía de cosido automático para facilitar a carga dos contidos en 360 graos a servizos en liña (como Facebook ou YouTube) de xeito que facilita revivir experiencias podendo o espectador elixir o seu punto de vista e facilitando que non se perda ningún elemento do que acontece ao redor.
Garmin ofrece aplicacións para o móbil e escritorio para a edición, estabilización e tratamento dos contidos capturados coa VIRB 360. Amais a cámara tamén permite gozar de funcións de control por voz (para iniciar ou parar gravacións sen ter que usar as mans, o que resulta moi práctico en gravacións de aventura) e tamén permite emitir vídeo en directo a través de YouTube e Facebook Live se contamos cun smartphone ou tableta compatible.
Esta nova cámara de 69,8 x 59,3 x 39 milímetros e 160 gramos de peso (coa súa batería de 65 minutos de autonomía) pode disparar fotografías esféricas de até 15 Mpíxeles, grava vídeo en distintos modos contando tamén con 4 micrófonos para gozar de son en 360 graos, almacena a información en tarxetas de memoria microSD de até 128 GB, ten conectividade Wi-Fi, Blueototh e NFC, é resistente á auga (até 10 metros de profundidade) e soporta temperaturas de entre -40 e 85 graos centígrados (aínda que só debe manexarse entre 0 e 40 graos centígrados). O mes que vén iniciará a súa comercialización nos EE.UU. a un prezo de 799,99 dólares, o que está por enriba da súa competidora máis directa (a cámara Nikon KeyMission 360, que custa menos de 500 euros), o que podería dificultar a súa boa acollida.

Vídeo promocional da VIRB 360 de Garmin

PUBLICIDADE