Garmin Fénix, o reloxo GPS máis completo do mercado
mércores, 11 de xullo do 2012
Agora que estamos en pleno verán, malia que aquí en Galicia non o notemos,
son moitas as persoas que aproveitan para poñerse en forma, e cambian o
ximnasio polos deportes ao aire libre, como o sendeirismo ou o ciclismo de
montaña, que non requiren demasiado material profesional e que permiten coñecer
polo miúdo o entorno que nos rodea.
Porén tamén hai de quen gusta deste tipo de deportes de aventura todo o ano,
de maneira que por exemplo os amantes do montañismo, a escalada, o alpinismo, o
rápel, o barranquismo, o rafting
ou o hidrospeed, entre outras moitas especialidades,
precisan dun bo GPS que lles permita coñecer a ruta que levan (que soe ser
longa), e que ademais sexa cómodo para transportar e consultar cando sexa
preciso.
Para estas persoas chega ao mercado
o Garmin Fénix, un novo GPS con formato de reloxo que foi deseñado á medida
das necesidades dos amantes dos deportes de risco, e das paisaxes que presentan
dificultades engadidas.
O Fénix foi pensado para proporcionar navegación GPS en lugares moi pouco
frecuentados, polo que a súa característica máis importante ten máis relación
coa autonomía e coa resistencia e non tanto co eido multimedia.
O dispositivo, que pode somerxerse ata 50 metros de profundidade, conta cunha
pantalla LCD monocroma protexida por un cristal mineral antirraiaduras, así como cunha batería recargable que aguanta ate
50 horas en modo GPS e seis semanas en funcionamento normal como reloxo.
Ademais de módulo GPS, o Fénix incorpora altímetro, barómetro e un compás
electrónico de tres eixes que mide con precisión a orientación do usuario; e a
maiores conta cun módulo externo chamado Tempe
que se vende aparte e que serve para levar conta da temperatura ambiente.
En modo GPS, o Garmin Fénix pode crear e gravar rutas sobre a marcha e
permite establecer puntos de interese a vontade, de xeito que, seguindo a ruta
á inversa, os seus creadores din que “é
case imposible perderse no monte”. Tamén incorpora funcións de conta de
calorías e rutinas deportivas, e todo polo módico prezo de 400 dólares, que
teremos tempo de aforrar ata finais de ano que sae á venda.
Vídeo de presentación do novo reloxo GPS de Garmin