Ganapán achegará no Culturgal citas exprés para axudarnos a facer presenza na Rede

xoves, 28 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba (a estas alturas) esta fin de semana celébrase o Culturgal, do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, un evento que debera estar subliñado de milleiros de maneiras nas axendas de calquera persoa que acubillara algunha vez interese pola nosa cultura. Pois ben, nós imos máis lonxe: debera estar subliñado tamén polos que queiran saber como vai ser o acceso á cultura o día de mañá e que papel van xogar as novas tecnoloxías en todo iso. O sexa, que en Culturgal falarase e moito de redes e demais. Se onte anunciabamos a presentación do Portal das Palabras, hoxe damos conta das actividades previstas por Ganapán, que axudará a guiar a artistas e empresas culturais “a forxar a súa presenta na Rede”.
A empresa galega estará presente en Culturgal cun stand de seu e con toda a súa equipa de profesionais desenvolvendo a iniciativa Ganapán Exprés: Asesoramento Instantáneo. Trátase, para facernos unha idea, dunha fonte activa de coñecemento tecnolóxico-empresarial, subministrada en persoa polos membros de Ganapán ao estilo “dos encontros exprés das películas”. A iniciativa, cóntanos a empresa, “presenta a tres expertos sentados á mesa cun temporizador, ofrecendo roldas de asesoramento aos interesados de cinco minutos por quenda”. A idea é fornecer pautas a seguir para que os negocios, artistas e creadores atopen as vías correctas para darse a coñecer a través da mercadotecnia en liña a baixo custo.
Ganapán Express: Asesoramento Instantáneo estará integrado por Agostiño Reigosa, Antía Paz e David Lamas, cada un dos tres especializado nun eido diferente e complementando o que saben os demais. Os eidos a tratar son as redes sociais (iniciativas 2.0, comunidades de masas e redes sociais de nicho), contidos (creación de blogs e páxinas) e estratexias de envío de correos electrónicos e boletíns informativos (iniciativas para dar meirande difusión á información e chegar de xeito sinxelo e rápido ao público obxectivo). “Dende Ganapán queremos dar resposta a algunhas das necesidades máis urxentes, no eido da comunicación, das empresas e creadores presentes no Culturgal, pero tamén de tódolos visitantes que queiran solicitar consello”. Quen o desexe, pode solicitar a súa quenda in situ ou a través da conta info@ganapan.com.

PUBLICIDADE