GameStop pechará as súas tendas en España

luns, 15 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Cando hai pouco máis de dous anos a matriz da cadea de tendas GAME quixo desfacerse do seu negocio de tendas de videoxogos en España e Portugal, xurdiron rumores que apuntaban a que GameStop podería ser quen absorbese a rede de establecementos dedicados ao lecer electrónico, pero finalmente foi Cherrilux Investments (filial de OpCapita) quen adquiriu o negocio. Resulta así bastante rechamante que hoxe GameStop anuncie dende Reino Unido que prepara a súa saída do mercado español a través da venda parcial das súas tendas, curiosamente á súa competidora GAME, co que pretenden que este cese de actividade resulte o menos traumático posible para clientes, traballadores, vendedores e accionistas.
Esta decisión tomouse despois de analizar a situación de GameStop en distintos países europeos, decidindo centrarse nos mercados onde a marca conseguiu unha cota de mercado máis importante. Agora teñen que presentar este acordo de venda dalgúns dos establecementos de GameStop a GAME ás autoridades da competencia para que autoricen a operación que podería completarse no mes de outubro.
Actualmente GameStop ten numerosas tendas en Galicia, estando presenten en A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e aínda que non se detallaron aínda os que permanecerán en activo, xa se filtraron a través de foros na web os documentos que están a recibir os traballadores da firma nos que se lles comunica que tras 9 anos de investimento en España foi imposible conseguir construír un negocio rendible, buscando agora transferir o negocio a outro retailer para asegurar o meirande número de postos de traballo posible, dando por feito que antes do 1 de outubro completarase a negociación cos traballadores e con outras partes para definir o itinerario de partida de GameStop do noso mercado.
É de agardar que o número de peches definitivos das tendas sexa bastante elevado, xa que moitos dos establecementos de GameStop están situados na proximidade dos de GAME, o que reduciría o seu atractivo de compra, e queda por ver se iso se traducirá nunha liquidación do material en stock ou na súa venda directa a GAME.

PUBLICIDADE