Galpon métenos con dous obradoiros nos segredos e utilidades dos mapas libres

xoves, 30 de agosto do 2018 Redacción

A asociación galega de software libre Galpon vainos brindar unha oportunidade para formarnos en mapas libres, traballar neles e tirarlles o máximo rendemento no noso quefacer diario (de feito, a actividade está dirixida a impulsar os nosos recursos en materia de desenvolvemento web). O obradoiro, que se organiza en colaboración coa axencia AMTEGA (ao abeiro do convenio que a axencia ten coas nosas entidades e asociacións de free software), artellarase en dúas edicións, co fin de abranguer a máxima cantidade de destinatarias e destinatarios.
O obxectivo concreto de Galpon é difundir ferramentas web libres como Leaflet e OpenLayers e achegarnos conceptos e metodoloxías de utilidade para integrarmos un mapa libre nunha páxina web partindo de cero.
A actividade será impartida por Micho García e Francisco Puga. Cada un dos obradoiros terá un aforo máximo de 20 persoas. A primeira edición celebrarase o sábado 22 de setembro e a segunda será o 13 de outubro, ambas no local de A Industriosa en Vigo de 10:00 a 18:30, o acceso será de balde e con inscrición, que se pode realizar dende a páxina específica habilitada por Galpon.

PUBLICIDADE