Galiza ocupa o cuarto posto de España en emprego de software libre, segundo o INE

martes, 9 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

O software libre meteuse paseniño nas nosas vidas e algúns xa nin sequera lembramos cando o único que tiñamos ó alcance da man eran os programas blindados, e (o que é máis importante): xa non nos decatamos de que vai medrando. Se cadra neste caso e noutros semellantes fai falla darse unha volta e ollar as cousas dende lonxe. Ou ben ler estatísticas (pero sen pasarse), coma a que vén de presentar o Instituto Nacional de Estatística e que reflicte estes días a plataforma mancomun.org nos puntos máis directamente relacionados co open source: nela indícase que Galiza é a cuarta comunidade do Estado en emprego do sistema operativo Linux e cunha porcentaxe do 10,4%, despois de Estremadura (23%), Andalucía (15,1%) e Madrid (10,8%).
A investigación baseouse tamén en avaliar o uso do computador por autonomías (neste punto non andamos tan sobrados nestas terras, tal e como puidemos ver os días pasados nesta mesma web) e o de coñecemento de programas de código aberto, punto este no que Galiza sitúase de terceira, cunha taxa do 52,8%, logo de Estremadura e Cataluña.

PUBLICIDADE