Galiciencia acollerá estes días os máis salientábeis inventos da nosa mocidade científica

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

Finalmente este mércores dá comezo un evento, en Ourense, que é algo así como unha feira da capacidade creativa da nosa mocidade. Creativa no eido tecnolóxico e investigador, con xanelas ao futuro e con potencial de aplicación: algo máis que simples inventos abraiantes. Falamos da feira Galiciencia, que se celebra do mércores ao venres da man da Tecnópole no recinto de seu en Ourense: unha carpa na que medio cento de equipos integrados por mozas e mozos da nosa nosa terra con vocación científica, amosarán ao público os seus proxectos de innovación. Segundo informa a Tecnópole, calcúlase que pola feira pasarán máis de 2.000 persoas (grupos escolares de toda a nosa xeografía e público xeral, a engadir aos rapaces cos seus inventos).
Lembrar que o evento foi recoñecido como unha das actividades de referencia da Semana da Ciencia en España pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.
Este ano a representación máis numerosa na exposición de proxectos procede dos colexios de Ourense, con 16 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 12 de Vigo, 4 de Pontevedra, 2 de Lugo, 2 de Ribadeo, 2 de Ferrol, 2 de Narón, 2 de Cambre, 1 de Santiago e 5 de Barcelona.
Segundo engade Tecnópole, Galiciencia chega á súa oitava edición “cunha ampla oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga a través dunha exposición promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e de varios obradoiros orientados a diferentes idades”. Neles realizaranse experimentos físicos e químicos nos que se traballará con augas termais, ademais de catas e experiencias dirixidas a concienciar aos participantes sobre o valor e a importancia dun uso responsable deste recurso indispensable para a vida.
Ademais, a Fundación Barrié participará cun stand propio no espazo da feira e ofrecerá unha charla para que os docentes coñezan a programación para este curso da canle educaBarrié, unha innovadora plataforma web na que se poñen contidos didácticos e materiais ao dispor da comunidade educativa.
Entre os moitos inventos a presentar na feira, relevantes para a temática de Código Cero (as novas tecnoloxías da información), inclúense cousas como un respaldo intelixente que advirte ao usuario das malas posturas nas costas (da man de Alba Fernández, do IES Julio Prieto de Ourense), unha luz de salvamento a partir do flash dunha cámara (da man de Carolina Moura Sousa e María Marta Viso, do Colexio As Acacias de Vigo), un sistema que alerta se accedemos en contrasentido nunha autoestrada (de Xosé Lois Chorén e Unai Ansedes, do IES Xoán Montes de Lugo) ou unha tecnoloxía que permite verificar até que punto se lle pode tirar partido ás ondas emitidas polos teléfonos móbiles (de Ainhoa Guerreiro e Aitor Guerreiro do Centro Plurilingüe Divino Maestro de Ourense).

PUBLICIDADE