Galiciencia 2022 chega ao seu remate con chuvia de premios

venres, 13 de maio do 2022 Anxo Sesto

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida pola Tecnópole, clausurou na maña deste venres 23 de maio a súa 17ª edición, baixo o lema da Economía Circular. Ao acto de clausura, no que se fixo entrega dos premios desta edición, asistiron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o director de Tecnópole, Javier Taibo, que anunciou a temática de Galiciencia 2023: Aeronáutica e Aeroespacial.
O primeiro premio
O primeiro premio recaeu no proxecto Pondal nature, cosmética natural, de Carla García Pedrosa e Noa Caride, do CPR Eduardo Pondal de Cangas. O proxecto apoiase na investigación e elaboración de diferentes receitas tradicionais para facer produtos de coidado persoal. Así, elaboraron ata cinco produtos diferentes -xampú, crema de mans, crema facial , bombas de xabón e bálsamo labial-. Este primeiro premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles asistir a Exporecerca en Barcelona.
O segundo premio
O segundo equipo clasificado foi o formado por María Lama e Pilar Jorge, do IES Rosalía de Castro de Santiago. O seu proxecto consiste no deseño dunha boneca de reanimación cardiopulmonar, “coa que se poida aprender sen axuda de ninguén”, explican as rapazas. Con este segundo premio reciben 500 euros para participar na Zientzia Azoka de Bilbao.
O terceiro premio
O terceiro premio foi para o proxecto Nuestro súper bioplástico de Sheila Piedras e Manuel Prieda, do CIFP Manuel Antonio de Vigo. Fixeron un bioplástico a base de auga, glicerina, maicena, vinagre, colorante e canela, que se degrada na natureza e se pode destruír con auga. O equipo recibiu 200 euros para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Outros premios e proxectos
Por outra banda, tamén se entregaron premios a outros proxectos: premio ao proxecto máis innovador para un coche que se controla coa mente; premio ao mellor proxecto liderado por rapazas para Ensaio de biorremediación co fungo Pleurotus Ostreatus sobre mascarillas cirúrxicas; dous premios para as mellores fotos dun concurso de fotografía a través de Instagram, e moito máis.

PUBLICIDADE