GaliciaTIC celebra a súa 17 edición este 23 de maio

martes, 30 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

O edificio CINC da Cidade da Cultura vai dar acollida á XVII edición de GaliciaTIC, o histórico evento tecnolóxico galego, un referente para calquera cita de profesionais e empresas dixitais de cantas se celebran na nosa terra e no ámbito estatal. A cita será o 23 de maio e virá, novamente, da man da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e a empresa INETEC. Ademais, desenvolverase baixo o epígrafe Tendencias tecnolóxicas e oportunidades para Galicia.
Segundo fai saber Ineo acerca dos principais desafíos que se mostran e encaran en GaliciaTIC, o tempo que estamos a vivir é un intre clave de maduración nas tecnoloxías innovadoras e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade: un intre para achegar impulsos á transformación tecnolóxica dos sectores e das empresas, poñendo o foco nas de menor tamaño. “É por iso que na vindeira edición de GaliciaTIC seguiremos contribuíndo á devandita transformación, atraendo a sectores non tecnolóxicos e emprestando especial atención ás ferramentas e servizos que conformarán un novo ecosistema dixital nos vindeiros anos”, explican dende a organización do evento, que concentrará as actividades previstas nunha xornada matinal na que se darán cita ducias de profesionais do sector TIC e, tamén, representantes diversos de empresas non tecnolóxicas.
Respecto do programa, o encontro dará comezo ás 9.30 co acto inaugural a cargo de Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Luis Álvarez Sestelo, Miguel Merino e Carlos Suárez.
A continuación será a quenda da conferencia inaugural, que virá da man de Ed Gabrys, analista, senior director e responsábel de comunicacións de Gartner. Logo será a quenda das mesas temáticas (sobre Cidades Intelixentes e traballo na nube, a cargo de Imatia e Ozona) e, despois dunha pausa para o café, falarase sobre 5G, seguridade, Intelixencia Artificial, eSaúde e captación de talento (organizan Deloitte, Orange, a operadora galega R, Sanitas, Ineo e a Fundación Kion).

PUBLICIDADE