GaliciaTIC 2021 avaliará en outubro os principais desafíos do sector no contexto post-COVID

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

En outubro vaise celebrar a nova edición dun dos grandes e máis veteranos encontros tecnolóxicos do ámbito galego e estatal: GaliciaTIC. Será os días 6 e 7 de outubro, novamente da man da asociación empresarial Ineo. A temática central será a seguinte: Galicia en clave dixital. Do mesmo xeito que o ano pasado, marcado tamén pola COVID, a organización combinará a posibilidade de asistencia virtual coa física, esta última durante a mañá do mércores día 6.
O programa incluirá, entre outras cousas, unha mesa Ineo virtual o xoves 7 de outubro ás 13:00h, onde os socios poderán explicar os seus produtos e servizos tecnolóxicos. Haberá relatorios, mesas de debate, conferencias, webinars, demostracións virtuais (showrooms) e un espazo para o networking.
As actividades darán comezo o día 6 de outubro cunha mesa inaugural onde se abordarán os principais desafíos do sector das novas tecnoloxías, “especialmente nun momento que non foi planificado e que obrigou ás compañías, organizacións e traballadores a abordar situacións novas no contexto dun futuro incerto”. A mesa será moderada por Miguel Merino (Universidade de Vigo) e contará coa presenza de Mar Pereira, directora de AMTEGA, Carlos Suárez Rey (EDISA), Fernando Vázquez (Imatia), Luis Álvarez Sestelo (presidente de Ineo) e Fernando Guldris (director do IGAPE).

PUBLICIDADE