Galicia360.com renóvase con tecnoloxía VR, máis calidade nas imaxes e mellor navegabilidade

luns, 27 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

A páxina web que amosa o mundo unha terra galega en panorámica e dende os puntos de vista máis innovadores, Galicia360.com, vén de ser obxecto dunha nova posta ao día. A máis recente actualización (inserida nun proceso de periódicas refeituras do que xa dimos conta en 2013 e, máis atrás no tempo, en 2008) está a ser presentada este mes polos seus creadores “logo de meses de duro de traballo” e coa mirada posta na necesidade de adaptar o sitio “á rápida evolución tecnolóxica” na que estamos mergullados os usuarios de Internet, teléfonos intelixentes e tabletas. Segundo nos contan o fotógrafo Ricardo Cambón e FotoPanorama, a firma impulsora da páxina con sede en Santiago, unha das grandes novidades é a posibilidade de vermos todas as imaxes dispoñíbeis en formato VR, “visíbeis en todos os dispositivos móbiles de maneira inmersiva usando as lentes de realidade virtual VR”.
Asemade, a web incorpora unha serie de melloras importantes na calidade das imaxes, unha optimización das mesmas que ten a súa razón de ser noutra mellora paralela relacionada cos tempos que vivimos: as da propia rede de Internet, máis rápida e de meirande capacidade.
Os responsábeis da web tamén informan de que unha parte dos traballos foi destinada a pór a punto a navegabilidade, podéndose localizar xa as panorámicas fornecidas da maneira máis doada empregando un xeomapa ou tamén botando man do menú de categorías e zonas xeográficas.
Polo que respecta ás linguas empregadas, construíuse ao cen por cen en galego, complementándose esta opción principal cun sistema de tradución automática a unha manchea de idiomas.
Por último, os creadores da web “advirten” de que xa están argallando e preparando novos engadidos, novas panorámicas dos lugares máis emblemáticos da nos terra e unha nova canle con tecnoloxía vídeo360 aplicada ás nosas paisaxes que será, nas súas palabras, “unha nova etapa no desenvolvemento de contidos”.


PUBLICIDADE