Galicia xa conta con 31 centros educativos abeirados ao STEMBach

xoves, 10 de outubro do 2019 Redacción

O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), destinado a mergullar aos nosos estudantes nos estudos máis relacionados coa investigación e a innovación, chegou este novo curso a 16 novos centros da nosa terra, configurándose unha comunidade total de 31 unidades adheridas á iniciativa. Estes e outros datos foron dados a coñecer onte pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, durante unha visita ao IES Lamas de Abade de Santiago, integrado no programa. Segundo engadiron, o pasado curso un total de 200 alumnos de 15 centros educativos cursaron estas ensinanzas.
Pomar salientou “a oportunidade que esta iniciativa supón para o alumnado”, dado que lle permite achegarse a un modelo educativo máis apegado á Universidade. Así mesmo, amosouse satisfeita polo feito de que o ano pasado a porcentaxe de rapazas que cursou estes estudos “foi do 50%”, igualada polo tanto coa de homes. “Isto”, dixo, “supón avanzar de xeito satisfactorio nun dos principais obxectivos da estratexia STEM do seu departamento: fomentar as vocacións científico tecnolóxicas de xeito especial entre as mulleres”.
Estes son os centros e nova incorporación este ano: IES Salvador de Madariaga (A Coruña), CPR Plurilingüe Nosa Señora do Carme (Betanzos), CPR Tirso de Molina (Ferrol), IES Concepción Arenal (Ferrol), CPR Compañía de María (Santiago), IES Lamas de Abade (Santiago), CPR Rías Altas (Culleredo), IES David Buján (Cambre), IES Miraflores (Oleiros), IES As Lagoas (Ourense), IES San Paio (Tui), CPR Miralba (Vigo), IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES As Barxas (Moaña), IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra) e IES Johan Carballeira (Bueu).
Os centros que xa se abeiraron ao programa o ano pasado son os seguintes: CPR Plurilingüe Compañía de María (A Coruña), o IES Agra do Orzán (A Coruña, o IES Sofía Casanova (Ferrol), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago), o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago), IES María Casares (Oleiros), IES Lucus Augusti (Lugo), o IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), o IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), o IES Ramón Cabanillas (Cambados) o IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), o IES República Oriental de Uruguay (Vigo), o IES A Sangriña (A Guarda).
STEMBach
Segundo indica a Consellería, o STEMbach representa “unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, constitúe unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato”.
A Consellería tamén explica que ao abeiro deste programa o alumnado cursa algunha materia extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e “cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
Outra das novas accións STEM é a creación dos Espazos Maker, en palabras da Consellería “lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación”.

PUBLICIDADE