Galicia vaise a FITUR cun percorrido sensorial inmersivo para recrear o Camiño

venres, 17 de xaneiro do 2020 Redacción

A feira de turismo FITUR (edición 40) que se celebra en Madrid do 22 ao 26 da xaneira servirá de palestra a un creativo e innovador xeito de coñecer (no plano tecnolóxico) Galicia antes de coñecela (no plano real). Estamos a falar da participación na feira da Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia Turismo de Galicia, que achegarán aos asistentes a posibilidade de recrear o Camiño de Santiago cun percorrido sensorial inmersivo. Isto será posíbel no stand centrado no Xacobeo 21.
Avanzárono na mañá deste venres 17 o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación da programación de Galicia neste certame.
En concreto, o expositor da nosa Comunidade terá unha superficie de 967 metros cadrados e estará centrado nas particulares de Galicia como destino turístico, en especial, no Camiño de Santiago na antesala do Xacobeo 21. Como dixemos, entre as novidades salienta a presenza dun túnel do Camiño deseñado para “trasladar os valores culturais e emocionais da Ruta Xacobea a través de sons, imaxes ou vídeos”. O stand tamén disporá dun mapa interactivo cos dez itinerarios e un probador virtual con vestimentas e complementos propios dos peregrinos.
“Estes recursos recrearán algúns momentos icónicos da peregrinación a Santiago, como a chegada á praza do Obradoiro”, explicaron Rodríguez e Castro, engadindo que “tamén estarán presentes elementos emblemáticos da cultura galega, como o pano propio do traxe tradicional galego, que viste parte do stand a modo de fío condutor, ou a icónica cuncha de vieira en diferentes formatos, tratamentos e posicións”.

PUBLICIDADE