Galicia pon en marcha o teléfono de atención administrativa para as persoas maiores de 65 anos
luns, 3 de outubro do 2022
Galicia
pon en marcha o teléfono específico de atención administrativa
xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos. Trátase,
en palabras do Goberno autonómico, “dunha iniciativa pioneira
orientada a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais
de apoiar a independencia dos maiores, cuxo contacto cos computadores
está moi por baixo da media da poboación”. Este luns 3 de outubro
empeza a funcionar a liña da Canle +65, que no número 900 333 666
evitará a escoita de mensaxes automatizadas e a marcación de
opcións, facilitándolles ás persoas maiores o contacto cun
operador humano.
A Canle+65
O teléfono é unha das ferramentas da Canle +65,
que ten como obxectivo romper coa fenda dixital e facilitar o
contacto directo coa Administración galega e que inclúe servizos
como a cita en Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, ou a
atención nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de
Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia.
Nos centros de atención primaria do Sergas a
atención telefónica para maiores de 65 ano priorizarase mediante un
sistema automatizado. Este sistema permite que quen chama, en caso de
que non poida ser atendido no momento, teña a opción de deixar
algúns datos persoais co fin de que o operador sanitario, no momento
en que quede libre, devolva a chamada con carácter prioritario.
Por outra banda, as Oficinas de Información e
Rexistro da Xunta de Galicia e as oficinas da Axencia Tributaria de
Galicia contarán cunha atención telefónica reforzada, na que se
priorizará a chamada, sempre que o usuario manifeste que é maior de
65, sen necesidade de escoitar mensaxes nin facer marcación. E, no
caso de que unha persoa maior acuda sen cita, será atendida cunha
cita ad hoc preferente con respecto aos restantes
usuarios que, igualmente, acudan sen cita.