Galicia, no quinto posto en contribución de empresas TIC ao conxunto do Estado

mércores, 26 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno central, a través do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (Ministerio de Economía e Empresa), vén de lanzar a nova edición do Informe anual do sector TIC e dos contidos (PDF). O estudo salienta polos datos positivos que guinda, tanto a nivel estatal como a nivel de comunidades. Para comezar, mostra un medre do 2,3% para o sector TIC, durante o ano 2017, o que confirma “o intre de dinamismo e espallamento” no que están mergulladas as empresas dixitais. E máis tendo en conta que esta circunstancia do crecemento é a cuarta vez consecutiva que se repite.
Polo que se refire a Galicia, tamén hai datos. Por exemplo, que estamos no quinto posto a nivel estatal en materia de número de firmas TIC. En termos máis concretos, achegamos o 5% do total de empresas do sector, só por detrás de Madrid e Catalunya (que aportan xuntas o 54%) e Andalucía e Comunidade Valenciana (ambas o 9%).
Volvendo á información estatal, hai parámetros de gran interese, como por exemplo o da creación de emprego. Neste punto, o estudo sinala que os postos de traballo xerados ascenderon o ano pasado un 5,3%, até situarse en 496.761 persoas, o que supón un incremento por quinto ano consecutivo do número de persoas empregadas. Aumenta tamén o número de empresas, que sumaron 34.004, cun crecemento do 2,5%.
Polo que se refire ao investimento realizado no ano 2017, incrementouse nun 1,9%, acadando os 18.267 millóns de euros.
En resumo, o sector TIC e dos contidos achega á economía española 44.497 millóns de euros, é dicir, o 4,2% do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado.

PUBLICIDADE