Galicia estrea campus virtual centrado no emprego
mércores, 28 de xullo do 2021
Esta mañá celebrouse en Santiago a asemblea xeral da delegación
galega da Confederación Española de Empresas de Formación (CECAP).
Na
cita participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús
Lorenzana, que expuxo as vantaxes que traerá a posta en marcha en
Galicia do que sería, dixo, “o primeiro campus virtual autonómico
de formación para o emprego de España”. Habilitarase da man
da Consellería en colaboración coa Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A
nova ferramenta, en palabras da conselleira, “achegarase a todo o
territorio galego e posibilitará unha formación moderna con todas
as garantías”. E engadiu: “É un proxecto que vén de reformular
integramente o modo de entender e impartir formación para o emprego
en Galicia”.
Cun
investimento de máis de 330.000 euros, a plataforma permitirá que
15.000 alumnos e alumnas participen en ao redor de 1.700 cursos
convocados no marco do Plan de formación para o emprego da Xunta.
A
ferramenta porase a disposición das preto de 1.100 entidades
formativas acreditadas en Galicia e dos 13 centros de formación da
Consellería de Emprego e Igualdade, aos que se lles suman os
programas específicos da Fundación Pública Galega da Formación
para o Traballo.
Lorenzana
explicou que esta iniciativa, “ademais de contribuír a mellorar a
cualificación profesional dos galegos e galegas, permitirá
flexibilizar a formación en dúas vertentes”. Así, facilitará
por unha banda a conciliación e, pola outra, o acceso á mellora da
formación ás persoas residentes no rural ou a aquelas que teñan
limitada a súa capacidade de desprazarse.