Galicia é a 6ª comunidade autónoma en número de empresas TIC

luns, 1 de outubro do 2012 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) publica hoxe na súa páxina web que segundo datos da Enquisa ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia correspondentes a 2012 Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior número de empresas do sector TIC. Os datos recollidos parten dunha enquisa realizada polo OSIMGA, e compleméntase con información do IGE e do INE, relativa ao número de empresas, emprego e contribución do sector TIC ao PIB galego.
No que vai de ano o número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 1.976 e experimentou un crecemento dun 4,2% respecto a 2011. Isto sitúa a Galicia como a sexta comunidade autónoma con maior número de empresas do sector TIC e supera o ritmo de crecemento do número de empresas tecnolóxicas a nivel estatal (3,2%)
O nivel de emprego no sector tecnolóxico situouse en xuño deste ano nos 15.484 traballadores, o que representa o 1,6% da poboación ocupada galega, porcentaxe que se mantén invariable desde o ano 2009. A pesar da actual conxuntura económica, o emprego neste sector mantense por riba dos 15.000 traballadores nos tres últimos anos.
O valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego representou o 2,14% do PIB de Galicia e o volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.234 millóns de euros no ano 2011, correspondendo un 84,9% do volume de negocio a clientes galegos e un 13,3% ao resto de España.
Os datos recollidos polo OSIMGA tamén debuxan un perfil da empresa TIC galega como unha compañía con menos de 10 empregados, dos que máis da terceira parte son autónomos, concentrándose principalmente nas provincias de A Coruña (44,6%) e Pontevedra (32,9%). Máis do 70% das empresas TIC galegas teñen contratadas velocidades de acceso á Internet superior aos 10 Mbps, fan un bo uso de tecnoloxías como a factura electrónica (o 26,2%) e incluso desenvolven actividades de I+D+i (o 26,5%).

PUBLICIDADE