Galicia e Chile xuntan forzas para investir en drons

mércores, 26 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro Abanca de Santiago acolleu hoxe a celebración dun encontro iberoamericano arredor das posibilidades que se abren cos vehículos aéreos non tripulados e as tecnoloxías que os acompañan. Estamos a falar do terceiro Foro Aeroespacial Chile-España, organizado por Indra (socia do polo galego Civil UAV Initiative) e a Fundación Chile-España co obxectivo de abordar conxuntamente a cuestións dos drons e as oportunidades de investimento e negocio que acompañan o sector. Foi un encontro onde todos os elementos estiveron dispostos para fomentar a cooperación en ambos os países. Tamén serviu para presentar ante os asistentes a Feira FIDAE 2020, que é, en palabras dos organizadores, o principal encontro aeroespacial de Latinoaméricaque se celebra en Chile cada dous anos.
A cita de Compostela foi inaugurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o presidente da Fundación Chile-España, Emilio Gilolmo. Contouse, tamén, coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, o secretario da Comisión Latinoamericana de Aviación Civil (CLAC), Jaime Binder, a directora da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Isabel Maestre, o presidente da Asociación Española de Drones e Afíns (AEDRON) Salvador Bellver, o secretario do Instituto Chileno de Dereito Aeronáutico e Espacial (IDAE), Tito Muñoz, a directora executiva de GFDas Drones e Minería de Chile, Lorena Banchero, o director executivo de ENAER, Henry Cleveland, o director do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), Enrique Mallón, o director de Vehículos Aéreos de Indra, Javier Barcala, e o director de Tráfico Aéreo non Tripulado (UTM) de Indra, Javier Viejo.
O congreso contou con varias mesas de debate centradas en tres eixos principais: desafíos regulamentarios, desenvolvemento empresarial e novos retos para a cooperación no sector. Nelas analizouse a máis que relevante evolución que experimentou o sector dos drons no mercado global e as posibilidades de crecemento para empresas e investidores neste mercado. “Atopámonos ante un sector cun enorme potencial de espallamento, no que a innovación e o continuo avance tecnolóxico configúranse como elementos fundamentais para facer realidade as súas perspectivas de desenvolvemento”, apuntou Emilio Gilolmo.
Pola súa banda, Javier Barcala, director de Vehículos Aéreos de Indra, dixo que o aumento das numerosas aplicacións no ámbito civil apuntan a un crecemento explosivo a medio prazo. Asemade, falou do polo galego de innovación e do papel da empresa neste foco de creación tecnolóxica: “Indra actúa dentro da Civil UAVs Initiative como socio clave da Xunta de Galicia e empresa tractora do tecido industrial galego no sector dos drones. Queremos que este evento sirva para atraer novas empresas que queiran traballar en Galicia e facilitar a internacionalización de empresas locais. O obxectivo final é crear ecosistemas formado por empresas, centros de investigación, universidades e startups que innoven para competir en todo o mundo”.
O foro foi tamén un repaso polas salientábeis experiencias de grandes compañías (como por exemplo Amazon, Walmart e IBM) cos vehículos aéreos non tripulados. Segundo se fixo saber, as empresas vén nestes dispositivos a oportunidade de revolucionar industrias tan distintas como a minería, o comercio, a vixilancia e a agricultura, entre moitas outras. No foro lembrouse que isto é aplicábel ao mercado chileno, onde o medre do sector tivo un especial repunte nestes anos: en 2018 as vendas de drons crecían xa un 60% e actualmente estímase que o mercado sobe un 20% ao mes. Un exemplo desta aposta foi o anuncio recente da PDI (Policía de Investigacións de Chile) de incorporar novos drons e a formación de 40 detectives como operadores destes dispositivos contra o combate ao narcotráfico.

PUBLICIDADE