Galicia continúa na cola de España en uso das TIC

venres, 5 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O Instituto Nacional de Estatística publicou os resultados da súa enquisa sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2007 dando a coñecer que preto dun millón de domicilios se conectaron á Rede no último ano, chegando así a 6,5 millóns de fogares (o 44,6% das familias españolas), subindo tamén o número de vivendas con ordenador (que chega ó 60,4%), aínda que un dos elementos máis destacables sería o da penetración da banda larga, que chega xa ó 39% dos fogares.
No tocante á Internet de alta velocidade, o 73,3% das conexións corresponderían ó ADSL e o 14,9% ás redes de cables, mentres que, se miramos ós hábitos de conexión, temos que máis de 19 millóns de españois utilizaron o ordenador nos últimos 3 meses, mentres que o número de persoas que se conectan á Internet como mínimo unha vez á semana sería 15 millóns (o 85,3% do total de internautas).
Pero non tódolos datos que amosa o INE son positivos, pois se miramos á comunidade galega temos un importante atraso con respecto do resto do Estado, compartindo con Castela-A Mancha, Estremadura e a Rexión de Murcia as últimas posicións na penetración das TIC.
Mentres a media estatal de uso de ordenadores nos últimos 3 meses é dun 57,2%, en Galicia a porcentaxe baixa ata o 46,6% (só por detrás do 45,7% de Estremadura) e en usuarios frecuentes da Internet estamos 10 puntos por debaixo da media, co 34,4%.
Por outra banda, no referente á telefonía móbil Galicia está na preto da media estatal, e a única comunidade que se afasta sería Ceuta.

PUBLICIDADE