Galicia contará cun sistema autonómico de Big Data para coñecer o perfil dos turistas

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

O Goberno galego quere tirar proveito da Intelixencia Artificial e da análise da información a gran escala para tomar as mellores decisións en materia turística e achegar os máis óptimos servizos tanto a quen vén de fóra como a quen fai turismo sen saír da súa terra. En base a isto, a Xunta iniciou os días pasados o proceso de licitación para o desenvolvemento e activación dun sistema de Big Data turístico cun valor estimado de máis de 1,5 millóns de euros. Botarase man del para, entre outras cousas, coñecer mellor os turistas e xestionar a información de reservas e ocupación.
En concreto, o sistema permitirá á Axencia Turismo de Galicia “dispoñer de información analítica avanzada, mediante o uso da tecnoloxía Big Data, sobre gasto turístico, reservas turísticas, ocupación, mobilidade ou sentimento e opinión de turistas e cidadáns”.
A implementación e explotación do sistema é parte do proxecto Eurorrexión destino Turístico Intelixente (EDIT), no que participan a Axencia Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), xunto con socios do Norte de Portugal, e que conta co respaldo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
As empresas interesadas na prestación deste servizo disporán ata o 20 de maio para a presentación de propostas a través do Portal de Contratos Públicos de Galicia.
Esta actuación enmárcase no obxectivo de desenvolver unha cultura e turismo intelixentes, que representa un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030), cuxo obxectivo é consolidar “un turismo intelixente en Galicia a través de solucións innovadoras que faciliten a interacción co visitante e incrementen a calidade da súa experiencia”. Promoveranse tamén servizos dixitais avanzados arredor do Camiño de Santiago e outros espazos de interese turística.

PUBLICIDADE